EXPOSICIÓN DEL V CONCURSO DE CARTELES PARA ESCOLARES DE PRIMARIA Y SECUNDARIA, RELACIONADO CON LA DONACIÓN Y TRASPLANTE EN PONTEVEDRA – CHOP

O HOSPITAL PROVINCIAL DE PONTEVEDRA ACOLLE A EXPOSICIÓN ITINERANTE DO V CONCURSO DE CARTEIS PARA ESCOLARES RELACIONADO COA DOAZÓN E OS TRANSPLANTES

  • Foi inaugurada hoxe pola directora asistencial da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Susana Romero Yuste, e o presidente da asociación ADROVI, Celso García Estévez, e permanecerá neste centro hospitalario durante toda esta semana
  • No transcurso deste acto fíxose entrega de sendos agasallos honoríficos aos alumnos Ainara Solla González e Daniel Acuña Acuña, ambos do colexio Sagrado Corazón de Xesús da cidade de Pontevedra

Pontevedra, martes 17 de outubro de 2023.- A exposición itinerante do V Concurso de Carteis para Escolares relacionado coa Doazón e os Transplantes poderá visitarse un ano máis desde hoxe e ata finais de semana na entrada principal do Hospital Provincial de Pontevedra. Esta mostra foi inaugurada esta mañá pola directora asistencial da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Susana Romero Yuste, acompañada polo presidente da Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo -ADROVI-, Celso García Estévez, quen promove esta iniciativa na que tódolos anos participan centos de alumnos galegos dos niveis de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

No transcurso desta inauguración fíxose entrega de sendos agasallos honoríficos aos alumnos Ainara Solla González e Daniel Acuña Acuña, ambos do colexio Sagrado Corazón de Xesús da cidade de Pontevedra, que obtiveron o primeiro premio na categoría do primeiro ciclo da ESO cun debuxo titulado “Doa tempo”. Para este traballo contaron co apoio do seu profesor José Estarque Moreno.

Traballos premiados

Nesta quinta edición do concurso de carteis para escolares relacionados coa doazón e o transplante, resultaron premiados nas categorías de quinto e sexto de educación primaria, co primeiro premio o debuxo co lema “Non importa o órgano, agora toca doar e salvar vidas”, Jimena Domínguez García, do CEIP Vista Alegre de Burela (Lugo); e o segundo premio foi para “Transplanta vida. Doa”, de Greta Abella Alvarez, do CEIP Castrelo de Miño (Ourense).

E na categoría de primeiro ciclo da ESO, acadou o segundo premio a obra “Vivir ou non vivir, esa é a cuestión”, de Isis Acea Portabales, do IES Escolas Proval de Nigrán (Pontevedra).

Con esta iniciativa, o Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue -ADOS-, xunto coas Consellerías de Sanidade e de Educación da Xunta de Galicia, buscan achegar a realidade dos transplantes á poboación escolar, para que os rapaces poidan valorar os beneficios do fomento da doazón de órganos.

Esta entrada fue publicada en Actividades, Nuestras campañas. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.